segunda-feira, 7 de outubro de 2013
M.V.: "TODO TEN UN PRINCIPIO E UN FIN".
Comunicado dos Mencer Vermello:
"TODO TEN UN PRINCIPIO E UN FIN.
Este mes de Outubro de 2013 cúmprense 10 anos desde que os compoñentes orixinarios do que sería Mencer Vermello empezamos a xuntarnos nun garaxe para dar saída á mestura entre as nosas inquedanzas musicais e, sobre todo, ideolóxicas, que nunca ocultamos. Aínda que non sería ata un ano despois, Outubro do 2004, cando nos subiriamos por primeira vez a un escenario enarbolando a bandeira do proletariado e sen imaxinar naquel entón que durariamos tantos anos como grupo.
Unha demo no 2005 deunos máis a coñecer, e un tempo despois viría a gravación de dous traballos en estudio.
Unha chea de experiencias de todo tipo, sen dúbida, enriquecéronnos tanto no plano persoal coma no plano político-ideolóxico.
Sempre lembraremos, tamén, que formamos parte do Rock Proletario Internacional, que serviu para espallar a nosa convicción marxista-leninista por todos os recunchos do mundo e aglutinar a máis bandas en torno á ideoloxía do proletariado.
Nos últimos anos, centrados en fabricar novos temas, as idas e vidas de distintos membros do grupo foi o que máis mela fixo na posibilidade de continuar co que debería ser o desenvolvemento natural da banda. Pese ás tentativas de substitución dalgúns membros, non fomos quen de darlle o impulso que nos tería gustado, sen perder a esencia que nos caracterizou sempre, e se tomou a dura decisión de que sería mellor dar paso a outras iniciativas.
É por isto que eliximos a significativa data de OUTUBRO, que reflexa ben o noso espírito revolucionario, para facervos partícipes da nosa despedida como Mencer Vermello. Sabemos que algúns pusilánimes se aledarán, e tamén sabemos que será unha triste nova para as amizades e camaradas que fixemos ao longo de todos estes anos. Mais todo ten un principio e un fin.
Informarvos de que algúns de nós seguiremos noutros proxectos musicais. Algúns mesmo xa están en marcha.
O que si está claro é que foi un orgullo formar parte de Mencer Vermello, algo que levaremos tatuado toda a vida.
Grazas a quen fixo posíbel todo isto desde os seus inicios, a quen ficou ao noso lado e nos apoiou nas duras e nas maduras. Foi un verdadeiro pracer contar con todas e todos vós.
A loita da clase obreira polo socialismo-comunismo continúa, e algún día chegará o noso ansiado MENCER VERMELLO.
Ferrolgrado, Outubro 2013.
MENCER VERMELLO
Rock Proletario "
https://www.facebook.com/mencervermello.rockproletario
Etiquetas:
banda sonora
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário